A Vía Céltica une unha serie de rutas de peregrinación marítima desde os portos de chegada do noroeste de Galicia ata Santiago de Compostela que, ao mesmo tempo, coinciden cun itinerario posxacobeo aos santuarios de Fisterra e Muxía. A oficialización a mediados dos anos noventa dunha estrada do sur a Fisterra relegou a ruta natural, histórica e xacobea do norte a un inmerecido esquecemento. Aquel que, comunicando Santiago coa costa a través da ponte de Portomouro e a meseta do Xallas, agasalla a quen o percorre cun patrimonio e paisaxes singulares que nos remontan á época das primeiras peregrinacións.
A Asociación Costavales encargou o traballo de investigación a D. André Pena Granha (Doctor en Arqueoloxía e Historia Antiga pola Universidade de Santiago de Compostela) e D. Joán Evans Pim (Profesor Adxunto e Doutor en Ciencias Sociais pola Universidade Abo Akademi de Finlandia) , cuxo froito se recolle no libro Vía Céltica: Los Caminos de Santiago por Santa Comba. A obra expón os fundamentos históricos, arqueolóxicos, arquitectónicos, documentais, culturais, relixiosos e antropolóxicos que sustentan o carácter xacobeo destes camiños.
En base a este traballo e da man do Arcipreste de Céltigos D. Eduardo Prado Albaredo, solicitouse no seu momento a concesión da “Compostela” aos peregrinos que percorresen este itinerario ata o Capítulo da S.A.M.I Catedral de Santiago de Compostela, que foi concedida polo Delegado de Peregrinación do Cabildo D. Segundo L. Pérez López o 27 de novembro de 2021 (Annus Sanctus Compostellanum).
Baixo a premisa da máxima certeza histórica, recuperamos para o Peregrino camiños ancestrais relegados ao esquecemento, permitindo que quen os percorre de novo reviva unha experiencia única.