
O Axedrezado Xaqués como marcador territorial e itinerario no románico: revisión xeorreferenciada e análise da súa relación cos Camiños de Santiago.
Resumo Este estudo presenta unha revisión e actualización exhaustiva da localización das igrexas románicas que conservan o motivo decorativo coñecido como axedrezado xaqués, incorporando os casos existentes en España, Portugal, Francia e Italia. A investigación baseouse na análise sistemática das fichas do proxecto Románico Digital da Fundación Santa María la Real, complementada cun proceso de xeorreferenciación mediante un sistema de información xeográfica , e coa superposición dos itinerarios oficiais e históricos dos Camiños de Santiago.
Os resultados obtidos permiten identificar 1054 templos que presentan este motivo decorativo, o que posibilita establecer patróns espaciais e territoriais significativos. A análise suxire que o axedrezado xaqués non foi un elemento puramente ornamental, senón que puido desempeñar unha función simbólica e práctica como marcador visual dos itinerarios xacobeos medievais, servindo de referencia para os peregrinos nun contexto no que non existía sinalización nin cartografía moderna.
1. Introdución
O motivo decorativo coñecido como axedrezado xaqués é un dos elementos máis característicos do románico hispano. A súa orixe vincúlase tradicionalmente coa Catedral de Xaca (Jaca), no Reino de Aragón, e coa súa escola escultórica, dende onde se espallou por boa parte da Península Ibérica durante os séculos XI ao XIII.
En Galicia, territorio final das rutas de peregrinación compostelás, este motivo ornamental aparece con frecuencia en igrexas rurais e mosteiros. A relación entre a súa distribución xeográfica e os Camiños de Santiago fora intuída por algúns autores, mais non existía ata o momento un estudo sistemático que a confirmase mediante metodoloxías dixitais e cartográficas.
Partindo da tese de Dª Ilaria Sgrigna, revisouse e ampliouse a información dispoñible, incorporando novas igrexas non catalogadas anteriormente, así como os itinerarios oficiais recoñecidos pola Igrexa e a Xunta de Galicia, os trazados aprobados polo Cabido Compostelán e as rutas actualmente en proceso de investigación como posibles itinerarios históricos.
2. Metodoloxía
A investigación desenvolveuse en varias fases complementarias:
1. Revisión documental e visual: consultouse a base de datos do proxecto Románico Digital, que contén máis de 5.300 fichas de igrexas románicas en España. Identificáronse os templos que presentan o motivo do axedrezado buscando termos como axedrezado, billeteado, billetes, etc.
2. Xeorreferenciación: cada templo identificado foi localizado e posteriormente incorporado a un sistema de información xeográfica (SIX).
Este proceso deu como resultado 1054 igrexas con axedrezado xaqués en España, Portugal, Francia e Italia.
3. Superposición cartográfica: engadíronse os trazados dos Camiños de Santiago oficiais, os recoñecidos polo Cabido Compostelán e os itinerarios en fase de investigación.
4. Análise comparativa e interpretativa: contrastáronse os datos xeográficos cos estudos históricos sobre os camiños medievais elaborados por Elisa María Ferreira Priegue e cos traballos cartográficos históricos de Fontán e Cornide.
3. Resultados
Os resultados revelan unha forte correspondencia entre as igrexas con axedrezado xaqués e os principais itinerarios xacobeos . Resúmese o número e localización dos templos por camiño en Galicia:
– Camiño Francés: 8 igrexas (Mosteiro de Samos, Santiago de Barbadelo, Santa María de Ferreiros, San Nicolás e San Pedro de Portomarín —na súa posición orixinal—, San Tirso de Palas de Rei, San Xiao do Camiño e Santa María de Melide).
– Camiño Primitivo: 4 igrexas (Catedral de Lugo, San Miguel de Bacurín, San Román de Retorta, San Salvador de Merlán).
– Camiño do Norte: 2 igrexas (San Paio de Seixón e Santa María de Sendelle).
– Camiño de Inverno: 11 igrexas.
– Vía da Prata: 5 igrexas.
– Camiño Portugués: 7 igrexas.
– Camiño Portugués pola Costa: 2 igrexas.
– Camiño Inglés: 2 igrexas.
– Vía Céltica: 14 igrexas.
Ademais, rexistráronse igrexas en camiños menores ou en fase de estudo, como o Mariñán, o Miñoto Ribeiro, o do Mar e outras variantes que conectan itinerarios históricos hoxe esquecidos.
Este patrón repítese en todos os itinerarios Xacobeos en España, Portugal, Francia e Italia, un forte alinamento de iglesias con Axadrezado nos principais itinerarios Xacobeos que se rompe en moitos casos po la necesidade de evitar e adaptarse os obstáculos que a modernidade foi interpoñendo nos vellos itinerarios Xacobeos (polígonos industriais, autopistas, vías férreas, pontes, concentracións parcelarias, etc), por cambios históricos que fixeron que uns itinerarios predominasen sobre outros e sobre todo po la falta de estudios históricos rigurosos que saquen a luz itinerarios inxustamente olvidados.
4. Discusión
O patrón de distribución obtido permite reconsiderar o significado e a función do axedrezado xaqués. A súa reiterada presenza en igrexas situadas nas principais vías de comunicación medieval suxire unha intención máis complexa ca a meramente estética.
En ausencia de sinalización e cartografía, os templos decorados con este motivo poderían actuar como fitos visuais ou sinais de orientación para o peregrino. A súa visibilidade e recoñecemento simbólico farían do axedrezado un código visual compartido, asociado á seguridade e á acollida.
O Camiño de Santiago, antes do século XX, era un itinerario
bidireccional: o peregrino partía a pé desde a súa casa e regresaba tamén andando ou a cabalo, podendo modificar o seu percorrido segundo o estado das pontes, ríos ou portos. Nese contexto, o axedrezado xaqués podería funcionar como baliza arquitectónica, marcando puntos seguros de paso e acollida.
5. Conclusións
O estudo confirma a presenza dun patrón territorial coherente na distribución das igrexas con axedrezado xaqués en España, Portugal, Francia e Italia. Esta distribución coincide de maneira significativa cos itinerarios xacobeos, tanto oficiais como alternativos, o que suxire unha relación funcional entre o motivo decorativo e o fenómeno da peregrinación.
A análise xeorreferenciada demostra o potencial das ferramentas dixitais (SIX, bases de datos patrimoniais) para reinterpretar elementos artísticos e relixiosos dende unha perspectiva territorial. Propónse a difusión deste estudo para que entidades e asociacións que se adican o estudio e recuperación de itinerarios Xacobeos consideren a presenza do axedrezado xaqués, como un fenómeno estético compartido, sistema transnacional de sinalización cristiá medieval e proba irrefutabel de un Camiño Medieval Xacobeo seguro.
Bibliografía
Cornide, J. (1785). Ensayo de una descripción física y económica de Galicia. Madrid: Imprenta Real.
Fontán, D. (1834). Carta Xeométrica de Galicia. Santiago de Compostela:
Real Sociedade Económica.
Ferreira Priegue, E. M. (1993). Los caminos medievales de Galicia.
Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega.
López Alsina, F. (1988). La ciudad de Santiago de Compostela en la Alta Edad Media. Santiago: Universidade de Santiago.
Moralejo Álvarez, S. (1979). El arte románico en Galicia. Madrid:
Alianza Editorial.
Sgrigna, I. (2008). El ajedrezado jaqués en la arquitectura románica peninsular. Roma: Universidade La Sapienza.
Vázquez de Parga, L., Lacarra, J. M. & Uría Ríu, J. (1949). Las peregrinaciones a Santiago de Compostela. Madrid: CSIC.
Yzquierdo Perrín, R. (2001). O románico galego. Vigo: Xerais.
Arias Cuenllas, M. (2015). El ajedrezado jaqués y su difusión por el noroeste peninsular. Anuario de Estudios Medievales, 45(2), 389–417.
Santos Estévez, M. (2012). A paisaxe simbólica do románico galego.
Revista Galega de Arqueoloxía, 6, 51–69.