En 2010 Ilaria Sgrigna, doutora en historia da arte medieval e investigadora da Universidade de Barcelona, presentou a súa tese “Los repertorios decorativos en la escultura medieval: el ajedrezado como instrumento para la definición de una geografía artística en el marco del románico europeo”. A tese fixo un profundo estudio do motivo decorativo máis representativo do Camiño de Santiago, e non falamos de vieiras, frechas amarelas, bordóns ou cabazos, se non do taqueado axadrezado, tamén coñecido como “taqueado jaqués” ou “ajedrezado jaqués”, que ven sendo esa decoración en cadradiños (“tacos”) esculpidos en pedra ao estilo dun taboleiro de xadrez e que se pode encontrar nos arcos, molduras, chambranas… de igrexas románicas ao longo dos Camiños de Santiago.

O apelido “jaqués” quedoulle por ser a catedral de Jaca un dos exemplos máis representativos deste elemento decorativo que se estendeu polos centros máis importantes das vías de peregrinación a Santiago: Jaca, Pamplona, Estella, Logroño, Burgos, Frómista, Carrión de los Condes, León, … e por preto de 800 igrexas na Península ibérica, Franza e Italia, todas cun nexo en común: O Camiño de Santiago.
Na súa obra doutoral, a Profesora Sgrigna tentaba averiguar se existía unha relación clara e directa entre este motivo decorativo co Camiño de Santiago. Para iso xeoreferenciou 573 templos, decatándose de que, se ben un número moi elevado se encontraba sobre itinerarios xacobeos, outras non o estaban. Para explicar este feito elaborou a teoría da “irradiación”, que ven sendo que este motivo decorativo foise espallando polos itinerarios xacobeos pero tamén se espallou fora deles ao copiar os canteiros as formas que vían nos centros de peregrinación, que definiu como “focos de irradiación”.

Así, concluía que “esta decoración no debe considerarse un rasgo distintivo propio del camino de peregrinación a Santiago, ya que no fue creado ni impulsado para ello.” A día de hoxe nos círculos académicos esta teoría está bastante extendida. Pola contra, entre os académicos que sustentaron a noción do taqueado como marca simbólica xacobea encóntranse José Camón Aznar, Luis Monreal y Tejada, Antonio García Omedes. Destacamos tamén estudos a nivel rexional como os de Rafael Margalé Herrero, que mostraron a validez desta aproximación en Aragón.
Non obstante, a revisión do magnífico traballo da Dra. Sgrina permítenos chegar a unha conclusión distinta se completemos non só a relación de templos que inclúen o taqueado máis tamén os itinerarios xacobeos. Como veremos, a inclusión de itinerarios de peregrinación a Santiago que no seu día a investigadora non incluíu na súa xeorreferenciación de igrexas, exclúe unha parte importante das “anomalías” que a levaron a descartar a vinculación directa entre taqueado e Camiños de Santiago. Para ilustrar este feito, centrarémonos na parte adicada a Galicia.
Na nosa comunidade identificou en 2010, 90 igrexas con taqueado axadrezado, estando moitas delas sobre os itinerarios oficiais recoñecidos po lo Cabildo Compostelán e mais a Xunta de Galicia, que na altura incluían o Camiño Frances, Camiño Portugues, Camiño do Norte, Vía da Prata, Camiño Primitivo e Camiño Inglés. As anomalías más rechamantes e aparentemente fora de toda lóxica encontrábanse sobre todo na Costa da Morte,con templos como os de Santa María das Areas, San Pedro de Redonda, Santa Maria de Xabiña, San Pedro de Leis, Santa Leocadia de Frixe e Santiago de Cereixo. Todos sen aparente relación alguna cos camiños de peregrinación a Santiago e que só se podían explicar mediante a teoría da “irradiación” (enténdase: relativa proximidade a Santiago de Compostela).

No entanto, se para a análise completamos a lista de templos empregada por Sgrigna incluíndo aqueles templos da zona da Costa da Morte e as súas vías naturais de conexión con Santiago que conservaron elementos con taqueado axadrezado, aparecen os de San Martiño de Ozón, San Antolin de Baiñas, San Fins de Freixeiro, Santa María de Paramos, San Fins de Anllóns, Santiago de Mens, San Martiño de Cores e San André de Tallo.
Todos estes templos, xunto cos que xa identificara en 2010 a Dra. Sgrigna teñen algo en común máis alá do taqueado: todos eles están situados sobre as antigas vías de peregrinación desde os portos da Costa da Morte e de Bergantiños cara Santiago, e que hoxe están en proceso de recuperación baixo a designación Vía Céltica, en alusión á antiga Comisso de Célticos pola que transcorrían antes de xuntarse para atravesar o Tambre en Porto Mouro.
Deste xeito, o que parecía unha anomalía, valida, pola contra, a tese defendida por diversos autores, que vincula directamente o taqueado coas vías de peregrinación. De feito, se revisamos o listado orixinal de templos da tese de 2010 tendo en conta outros camiños xa recoñecidos ou en recuperación (pero non considerados na análise de 2010), observamos que grande parte dos templos nos que a presenza do taqueado só se conseguía explicar mediante a teoría da irradiación están de feito en camiños históricos que non se tiveran en conta.
Deste xeito, podemos pensar no taqueado como a primeira marca visual dos camiños de Santiago, tal e como hoxe son as famosas frechas amarelas. Hoxe, como daquela, buscando as marcas podemos encontrar o camiño sen perdernos.