Novo achádego o que vén de informar a Asociación Costavales e o Concello de Malpica. Novos datos históricos sobre a ermida e hospital de peregrinos de Buño así como a referencia documental máis antiga ata o de agora coñecida sobre a olaría nesta localidade, que nun informe da igrexa do 1594 se explica pola existencia dun camiño francés procedente de Malpica. Ata o de agora, a primeira referencia documental á olaria de Buño era dunha Cédula Real de 1688.
A descuberta produciuse como parte dos traballos de investigación para a elaboración dunha Guía do Camiño de Santiago en Malpica, que será publicada nos próximos meses, ao mesmo tempo que se finaliza a primeira sinalización dos itinerarios da Vía Céltica polo concello bergantiñán. Esta vía de peregrinación continúa desde Buño para Santiago pasando por Pontedona e Portomouro.
O informe representa a referenca máis antiga tanto do hospital e ermida de Santa Catarina como á propia actividade oleira de Buño e está conservado no Arquivo da Catedral de Santiago como parte dun mazo documental extenso e sen catalogar.
Para a Asociación Costavales, este vello hospital, xunto cos de Carboeiro e Castriz, son unha peza chave para recuperar a historia da ruta xacobea desde os portos de Bergantiños a Santiago, recoñecida oficialmente pola Catedral de Santiago en 2021 logo de séculos de esquecemento.