Cando estábamos a delimitar os itinerarios do camiño a altura de O Roxido chegamos a pensar que o camiño ía ter que ir pola estrada xeral, e así aparece reflexado no libro da Vía Céltica.
O camiño non podía ir por O Roxido de Arriba, tal e como mencionou o PAI MARTIN SARMIENTO na súa excursión á Cernadas no 1745, por dúas razóns: a primeira, porque o camiño que viña de Belén estaba totalmente intransitable nunha franxa de 100 metros, logo de 30 anos tomado polo mato. A segunda, porque despois de horas de visualizar mapas históricos e de visitas in situ non éramos quén de atopar o camiño cara O Mercuto.
Decidimos visitar O Roxido na procura de veciños que nos informaran ó respecto, e así demos coas Casas de Miguéns e de Bartulo, que casualmente son os donos das fincas polas que pasa o camiño. Foi o patrón da Casa de Bartulo quén nos explicou que había un camiño directo a Belén e outro alternativo, máis chan aínda que máis longo, e que era coñecido como CAMIÑO DAS REGATEIRAS, mulleres de Camariñas que levaban os cestos de peixes na cabeza para vender en Santiago. Tamén nos dixo que ese era o camiño para ir a misa a Belén e, o máis importante, describiunos o itinerario cara O Mercuto que discurre polas fincas da Casa de Miguéns.
Nunha visita posterior coincidimos coa familia da Casa de Miguéns que xa oíran das nosas pesquisas na procura do camiño e comprometéronse a limpar as súas fincas e ceder o paso a peregrinos e camiñantes. Igualmente, a familia da Casa de Bartulo tamén cedeu o paso polo camiño cara a Belén polas súas fincas: so había un inconvinte: a última finca que lindaba co camiño non era da súa propiedade. E non se lles ocorre mellor idea que mercarlle a finca ó seu dono para poder limpala e dar paso ó camiño de Santiago polo Roxido. Onte por fin e co seu propio tractor procederon o desbroce do camiño para que os peregrinos e camiñantes disfruten dun auténtico camiño histórico e das magníficas vistas do Val do Roxido.
ESTADO INICIAL DO CAMIÑO
TRABALLOS DE DESBROCE POLA FAMILIA DA CASA DE BARTULO
CAMIÑO CARA O MERCUTO POLA FINCA DOS MIGUENS, E CARA O ROXIDO